O concepto VUCA trabállase en contextos militares desde o 1987 para referirse a situacións volátiles (Volatile), incertas (Uncertain), complexas (Complex) e ambiguas (Ambiguous). Con todo, non será ata uns anos despois que é formalizado co acrónimo VUCA por Barber[i] en 1992 para sensibilizar ao alumnado da US Army War College coas dificultades que presenta a análise estratéxica.
Estes termos son cada vez máis aplicables ás contornas económico, social e ambiental no que vivimos, algo que quedou evidenciado cos recentes acontecementos.
Nun sistema que prima o cuantitativo sobre o cualitativo, os termos que definen unha contorna VUCA foron sempre enfocados cunha connotación negativa e quizais é por iso que non os incorporamos en cuestións fundamentais e estratéxicas para a nosa supervivencia. A nosa incapacidade para xestionar un cambio radical nas nosas condicións de confort, así o demostra.
A consideración dun escenario VUCA reflicte unha actitude na análise da contorna que busca perspectivas futuras baseadas en distintos puntos de vista e escenarios nos que se identifican oportunidades potenciais para a sociedade, as organizacións ou as persoas individualmente abandonando un papel pasivo e reactivo.
Tomar decisións nunha contorna VUCA
Traballar con volatilidade, incerteza, complexidade e ambigüidade pode parecer difícil e en ocasións, esta dificultade convértese nunha boa escusa para non confrontar a realidade. Bennett e James , expoñen como prepararse para responder os eventos que se poden producir en cada unha das categorías:
- Ser áxiles para anticipar a provisión de recursos #ante a volatilidade.
- Investir en información e coñecemento para reducir a incerteza.
- Replicar as estruturas da contorna en lugar de loitar contra a súa complexidade.
- Experimentar para comprender as relacións causa-efecto non evidentes que se dan en situacións ambiguas.
[i] Barber, H. F. (1992) ‘Developing Strategic Leadership: The US Army War College Experience’, Journal of Management Development, 11(6), pp. 4–12.