Unha visión da FGSustentable
O desenvolvemento da capacidade humana para a transformación do medio ten modificado e continúa a alterar as normas de funcionamento do ecosistema Terra, ate o punto que os cambios que se están a producir poñen en entredito a propia capacidade de supervivencia da sociedade tal e como a coñecemos na actualidade.
Para afrontar esta realidade son precisos importantes cambios na forma de afrontar case que todos os aspectos da vida cotiá. Dende o consumo de enerxía, á forma en que nos desprazamos, as alternativas de ocio, os alimentos que consumimos,… Todos eles cambios grandes e profundos.
Na Galicia, somos afortunados por contar cun medio de grande calidade e un grande potencial para o aproveitamento dos recursos endóxenos, especialemente no que se refire á auga, á produción de alimentos ou á enerxética. Estes potenciais poñen de manifesto as grandes posibilidades para avanzar na vangarda cara a sociedade da sustentabilidade.
Faise preciso o compromiso de todos os axentes forza da sociedade galega para avanzar cara un novo sistema de organización económico e social que asuma a existencia de limitacións ambientais e se base na posta en valor dos recursos no entorno. Este compromiso débese concretar dotando e aplicando os recursos necesarios para analizar, investigar e traballar polo desenvolvemento sustentable das nosas comunidades.
É desta análise que xurde a idea da Fundación Galicia Sustentable. Unha organización sen ánimo de lucro, de natureza fundacional co obxectivo último de promover ese cambio necesario, tanto en actitudes como en capacidades, en individuos e nas organizacións colectivas nas que socializan. En definitiva, difundir a necesidade dun cambio na e provocar a acción para reorientar esta sociedade de consumo cara a sociedade da sustentabilidade.
Das ideas aos feitos, no ano 2008 constitúese a Fundación Galicia Sustentable. Unha iniciativa 100% privada que demostra que en Galicia tamén temos xente coa intención e a capacidade para asumir a responsabilidade que a xeración actual temos de cara as futuras.
Gracias a todas e todos os que tendes colaborado e seguides traballando para acometer os ambiciosos proxectos da fundación. Agardamos que pronto poidamos ser moitos máis remando na mesma dirección, rumbo á sustentabilidade.
