O Cambio Climático con Jose Lires
A pesar da súa importancia para entender o noso planeta, a xeoloxía atópase un tanto fora dos debates da rúa, pero quizais na medida que se populariza o debate do Cambio Climático moitas ciencias que traballan máis en silencio saen á palestra.
Os xeólogos, e non o digo por min, teñen moito que dicir, posto que son eles os que se sitúan nunha mellor posición para entender as constantes variacións do clima ao longo da historia da Terra, lendo e interpretando os sinais que quedaron rexistrados nos sedimentos, nas rochas, no xeo…Ademais os modelos climáticos que se manexan actualmente para predicir os estados do clima no futuro, requiren de ser testados reproducindo as condicións de climas pasados, que un xeólogo é capaz de describir mediante a Paleoclimatoloxía. De tódolos xeitos un xeólogo é unha peza máis dentro dun grupo multidisciplinar que é, entendo eu, como se deben buscar as solucións a problemas tan globais coma este.
¿Cando comezaches a te interesar polo Cambio Climático?
A primeira vez que escoitei falar de cambios climáticos foi nun seminario na facultade sobre Paleoclimatoloxía, en 1999. Nese momento caeron nas miñas mans libros como “O diluvio Universal” (W. Ryan e W. Pitman) ou “Cambios climáticos. Unha aproximación ao Sistema Terra” de Javier Martín Chivelet. Sen embargo teño que dicir que nesa etapa as pegadas de dinosauros ocupaban o meu tempo e non foi até que me embarquei no proxecto Climántica onde retomei de novo as inquedanzas polos cambios climáticos.
Vou dar un rodeo moi típico para empezar a profundizar no tema. ¿Cantas veces podes ter explicado a diferenza entre tempo e clima?
Formalmente algunhas. Informalmente bastantes máis. É algo que a cotío confunden os medios e por desgraza chega até a poboación en xeral. Prende a radio e poderás escoitar falar de que os furacáns son unha causa inequívoca do cambio de clima. Ou barbaridades como “o clima cambiou de unha hora para outra, e púxose a diluviar”.
Aquí tes novamente un pequeno espazo se queres facelo unha vez máis
Formal ou informalmente?. Só para as estadísticas. (risas) Bueno, cando nos referimos ao tempo describimos unha situación atmosférica nun intre determinado, e dicir “hoxe chove ou vai frío”. Para definir o clima temos que sumar todos os estados do tempo meteorolóxico que se sucederon nunha rexión en series temporais máis ou menos longas, datos que nos permitirán definir climas continentais, oceánicos…Por iso non podemos dicir que os furacáns que acontecen nestes meses son produto directo dun cambio climático; iso si, os científicos deixan unha porta aberta e nos din que nun futuro podería chegar a incrementarse o número e a intensidade dos mesmos debido aos efectos do cambio climático.
Entón, ¿cambia o clima?
Os cambios son unha constante no Planeta no que vivimos. O problema é cando unha especie que leva menos de 2 millóns de anos sobre o mesmo e capaz de introducir cambios no seu contorno que afectan de modo global e é quen de facelo en períodos inferiores ao da súa vida. As cianobacterias lograron cambiar unha atmosfera enriquecida en CO2 (e por tanto diminuíndo a temperatura da Terra) por outra con osíxeno abundante, pero empregaron case que 2000 millóns de anos en acadar os niveis actuais.
Como antes comentaches, os propios medios estanlle a facer, en moitas ocasións un fraco favor ao debate sobre o Cambio Climático e os seus efectos. ¿Que relación existe entre os importantes desastres naturais que estamos a sufrir no planeta e o cambio climático?
Hai que ser prudentes á hora de achacar ao cambio climático todos os desastres que hoxe en día acontecen no planeta. Ben é certo que os escenarios de futuro que nos debuxan os científicos partindo do incremento da temperatura media do planeta, non deixan dúbida de que o risco para todas as especies aumentará en gran medida. A elevación do nivel do mar é un feito, e as predicións de aumento do mesmo farán que moitos lugares do mundo se vexan asulagados polo mar. As secas serán máis severas e as zonas afectadas polas mesmas aumentarán. Os fenómenos meteorolóxicos adversos son desencadenantes de desastres naturais que segundo os científicos poderían verse alterados tanto no seu número como na súa intensidade.
¿Cales son realmente as principais consecuencias destes cambios?
As principais consecuencias é o deterioro do medio que nos serve de sustento a nós e a tantas outras formas de vida. Se algo aprendín mergullándome entre rochas a través de millóns de anos, é que a vida na Terra é unha constante dende polo menos 3800 millón de anos, atravesando por diversos episodios de extinción en masa ata chegar á nosa especie autodenominada “superior”. Quizais nos tomemos demasiado en serio esta dominancia, e non nos decatemos de que só temos unha Terra para compartir coas outras especies.
¿Deberíamos ser entón pesimistas de cara ao futuro?
Todo dependerá da porcentaxe de cambio de actitudes e da presa que nos demos en decatarnos de que vivimos nun mundo finito, onde os recursos non son ilimitados. Estamos inmersos nun mundo que xira ao redor dos combustibles fósiles os cales teñen unha data (aínda que incerta) de caducidade. Seremos quen de substituílos por outras fontes de enerxía alternativa?
Se nos negamos a seguir en debates e asumimos a nosa parte de responsabilidade ¿que podemos cada un de nos individualmente fronte ao Cambio Climático?
Principalmente reflexionar sobre o noso modo de vida. Decatarnos de que de seguir deste xeito o futuro será bastante incerto para os que virán. Pensar que as nosas pequenas accións encamiñadas ao aforro enerxético, á preservación do medio no que vivimos e a ser críticos coas estratexias dos nosos gobernos…todo isto por pouco que pareza suma.
E ¿dende un punto de vista máis amplo?
Se estamos convencidos de que as nosas pequenas accións contribúen a integrarnos na sociedade do cambio climático e a mitigar os efectos de este, podemos actuar como transmisores das nosas experiencias. Pois todos pertencemos a unha comunidade de veciños, a diferentes asociacións… e principalmente somos cidadáns dun concello, dun país. Unha persoa soa non é culpable do cambio climático, pero tampouco será capaz por si mesma de atallar o problema. Precisamos traballar en conxunto.
Para rematar e falando un pouco do proxecto no que traballas actualmente ¿Cales pensas que son as claves do éxito do proxecto Climántica?
Quizais estea na implicación das persoas que están a traballar no mesmo, dende diversos campos. Dende logo non tería éxito se os escolares, e tamén os cidadáns non tivesen en conta as propostas ou non fixesen uso dos materiais didácticos encamiñados á sensibilizar sobre o problema do cambio climático que teñen á súa disposición na web do proxecto.
Teño algunha experiencia no traballo en Galicia con temas novedosos e sempre resulta complicado abrir novas preguntas e provocar cambios sociais. ¿Parécete especialmente difícil traballar en Galicia en temas de concienciación ambiental?
Coido que en todos os lugares cocen fabas. Penso que non nos paramos demasiado a reflexionar sobre as consecuencias futuras dos nosos actos. Vivimos no presente e que nos veñan dicindo, por exemplo, que hai que aforrar auga, nun país que sempre a tivo como por castigo, pois sona un pouco raro. Esa é a mentalidade que deberiamos esforzarnos por cambiar. Os nenos o teñen claro. Fai uns días nun Congreso de escolares sobre cambio climático que fixemos en Santiago, un rapaz presentou un pequeno vídeo que comezaba cunha pregunta: “Cando fas algo, pensas nas consecuencias dese acto?”. Logo dunha serie de imaxes de incendios, inundacións, costas irrecoñecibles pola construción… o alumno remataba o seu traballo cunha pregunta “si ou non?”. A resposta é bastante obvia por desgraza.
Un pracer falar contigo, coma sempre
Moitas grazas e se me permitides me gustaría rematar recordando unha frase do paleoclimatólogo americano Wallace Broecker: “O clima é unha besta furiosa, e nós estámoslle cravando achas.”
Grazas, Jose
