Durante décadas, o debate sobre quen debe liderar o cambio estivo polarizado: ou ben o poder público, cunha visión planificadora e normativa, ou ben o mercado, coa súa capacidade de mobilización de recursos e innovación. Pero esta visión bipartita agocha unha terceira forza fundamental: a sociedade civil organizada. Fundaciós, cooperativas, asociacións veciñais, redes informais e activistas locais levan anos operando onde nin o mercado nin o Estado chegan con eficacia.
Mais, cando é a sociedade civil quen se pon en marcha, cando experimenta, crea valor colectivo e activa procesos transformadores no territorio… que fan as administracións?
A tensión do recoñecemento
Moitas veces, as institucións públicas actúan como se esa acción cidadá fose un complemento, un parche, ou mesmo unha “axuda voluntaria” que alivia a súa carga. Outras veces, acollen estas iniciativas con suspicacia: que intereses agochan?, que legitimidade teñen?, están competindo con nós?
Poucas veces se entenden como o que son: expresións directas do compromiso cidadán co ben común, laboratorios vivos de políticas públicas alternativas e motores de innovación social.
De subsidiarias a pioneiras
O papel da sociedade civil debería repensarse. Non como un apéndice subsidiario do Estado, senón como unha forza pioneira. Son as comunidades organizadas as que adoitan identificar antes os problemas, porque os sofren de preto. Son elas as que experimentan solucións adaptadas ao contexto, porque coñecen os límites e as potencialidades do territorio. E son elas as que, moitas veces, crean o tecido que sostén a convivencia e o coidado mutuo.
Desde esta perspectiva, o papel das administracións debería ser menos o de dirixir e máis o de acompañar, facilitar e escalar o que funciona.
Un novo contrato social
Se aceptamos que os grandes desafíos do noso tempo —crise ecolóxica, despoboamento, desigualdades crecente, cambio cultural— esixen respostas complexas e contextualizadas, entón cómpre un novo contrato social entre as administracións e a cidadanía activa.
Este contrato implicaría:
• Recoñecemento institucional do labor transformador da sociedade civil.
• Canles de diálogo horizontal, onde as solucións emerxan de procesos de co-creación, non só de consultas formais.
• Recursos flexibles e accesibles, non suxeitos á lóxica da subvención competitiva e ríxida.
• Espazos para o erro e a aprendizaxe, sen penalización inmediata, como en calquera proceso de innovación.
Operar nos ocos
Desde a Fundación Galicia Sustentable traballamos precisamente neses ocos: activando procesos, poñendo en valor as alternativas que xa existen, creando pontes entre o institucional e o cidadán. Non temos vocación de substituír ás administracións, pero si de demostrar que, cando a sociedade civil actúa con rigor, compromiso e visión de futuro, merece algo máis que un agradecemento: merece ser aliada estratéxica.