A Fundación Galicia Sustentable participa na presentación no Senado do V Estudo sobre a Percepción dos Avances na España Rural como exemplo de organización que traballa pola prosperidade do rural. Todo un recoñecemento a unha traxectoria de máis de quince anos dedicada a identificar, apoiar e dar a coñecer iniciativas que están a transformar o medio rural galego con modelos innovadores, sustentables e con impacto positivo nas comunidades locais.
Presentación no Senado
O luns 31 de marzo no Senado de España durante a presentación do V Estudo sobre a Percepción dos Avances na España Rural (2024-2025), elaborado pola Cátedra Estrella Galicia de Desenvolvemento Rural de Next Educación. O evento reunirá a representantes institucionais, investigadores, medios de comunicación e persoas referentes na revitalización do rural. Marcos Pérez, xerente da Fundación Galicia Sustentable, intervirá no acto trasladando as aprendizaxes e demandas recollidas nos últimos anos en contacto directo co territorio.
A intervención da Fundación Galicia Sustentable supón unha oportunidade histórica para poñer no centro do debate político e mediático estatal a voz das persoas que están a construír un rural con futuro desde abaixo, con compromiso, innovación e respecto pola contorna. Son proxectos agrícolas, gandeiros, forestais, culturais e comunitarios que demostran que outro rural non só é posible, senón que xa está en marcha.
Ás portas dunha nova edición do Foro Rural Sustentable
Este recoñecemento chega nun momento clave para a entidade, que se atopa impulsando unha nova fase do Foro Rural Sustentable, que celebrará a súa próxima edición os días 25, 26 e 27 de abril en Chantada. O Foro, que naceu como espazo de encontro e diálogo, está a evolucionar cara a un programa de acción continua, que parte da escoita activa dos axentes do cambio para deseñar iniciativas que teñan un impacto real na prosperidade do medio rural.
“É fundamental escoitar cales son as verdadeiras demandas das persoas que xa están a transformar o rural nun medio máis próspero. Só así poderemos construír políticas e proxectos útiles, pegados á realidade e capaces de sementar futuro no territorio”, destaca Marcos Pérez, xerente da Fundación Galicia Sustentable.
A Fundación reafirma así o seu compromiso cun modelo de desenvolvemento baseado no potencial do rural como espazo de vida, traballo, innovación e coidado dos bens comúns, sendo ponte entre o que xa está a pasar no territorio e as decisións que se toman desde as administracións.
A Fundación Galicia Sustentable
A Fundación Galicia Sustentable é unha organización privada, sen ánimo de lucro constituída no ano 2008 co propósito de transformar Galicia nunha sociedade sostible. Neste marco desenvolve actividades que teñan un impacto positivo na prosperidade do rural galego.
Coñecida por proxectos como o Mercado de la Cosecha ou o TEDxGalicia, a súa gran aposta para os próximos anos é a súa Finca Experimental no Concello da Laracha desde onde deseña prácticas agrícolas disruptivas que exploran novos modelos de xestión e negocio que contribuirán á prosperidade da sociedade rural galega.