Un proxecto holístico
Somos Paisaxe é unha iniciativa de divulgación que trata de achegar as paisaxes e as persoas a través do re-coñecemento dos elementos que as compoñen, a comprensión das súas dinámicas e procesos e a actuación pola posta en valor do carácter competitivo que teñen as Paisaxes Galegas.
A Paisaxe
Unha paisaxe é un espazo que é percibido e poderiamos dicir que a percepción é algo dinámico dado que non todos os observadores perciben o mesmo. Sen embargo a paisaxe non é so percepción é algo máis: é o resultado sempre inestable dunha dinámica na que interveñen elementos bióticos, abióticos e antrópicos.
Por isto, si ben é importante o perceptivo na comprensión das paisaxes, parece convinte ir máis aló e entrar tamén na súa dialéctica concreta froito dunha morea de elementos, factores e procesos ao longo do tempo.
A Paisaxe Galega
Unha das principais características de Galicia é a súa riqueza paisaxística.
A súa situación xeográfica no planeta, a proximidade do océano e a existencia das altas serras orientais, unha contrastada morfoloxía, os milleiros de ríos que sucan este territorio, a presenza de rochas graníticas e louseñas, así como un variado mosaico climático e unha elevada diversidade biolóxica, configuran unha riqueza paisaxística única e irrepetible.